Friday 10 de May de 2024

As parroquias de Cances, Bértoa e Artes acollerán os últimos cursos de manexo do teléfono móbil por este ano


O prazo de inscrición está permanentemente aberto, e os obradoiros iranse organizando a medida que se vaian completando os grupos

O Concello de Carballo ofrece á veciñanza a posibilidade de mellorar o manexo dos teléfonos móbiles a través dunha serie de obradoiros prácticos que son impartidos a través da Cruz Vermella. No mes de xuño comezaba na parroquia de Sofán o primeiro curso dende a pandemia, e nestes cinco meses lévanse impartido tamén en Lema, Noicela e Carballo. Nas vindeiras semanas levaranse a cabo os tres últimos deste ano, que terán lugar nas parroquias de Cances (días 22, 24 e 29 de novembro), Bértoa (días 23 e 30 de novembro e 1 de decembro) e Artes (días 13, 14 e 20 de decembro).

Esta actividade, organizada polas concellarías de Terceira Idade e Benestar, vai especialmente dirixida ás persoas maiores, coa finalidade de facilitarlles o acceso a unha ferramenta de uso tan cotiá como o teléfono móbil. O curso, de seis horas de duración, inclúe conceptos básicos, como a realización de chamadas, como gardar un contacto, programar alarmas, facer fotos e/ou vídeos, o uso do Whatsapp, o funcionamento da aplicación do Sergas, facer buscas en Internet, descargar unha aplicación, consultar páxinas de interese ou buscar contidos en YouTube, entre outros.

Dende o Concello de Carballo seguiremos ofrecendo os obradoiros de manexo dos smartphone mentres exista demanda. As persoas interesadas poden anotarse a través das asociacións e/ou consellos parroquiais de cada parroquia, na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal cos seguintes datos: nome completo, idade, parroquia de residencia e teléfono de contacto. En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada centro social.

Talleres de memoria

Este ano tamén se puxeron en marcha dende o Concello de Carballo talleres de memoria, que son impartidos por Afaber. Mañá xoves arrincará o noveno e último, que se levará a cabo na parroquia de Cances. Os demais celébranse en Noicela, Lema, Razo, Sísamo, Sofán, Verdillo, Ardaña e Carballo. Neste caso as sesións son semanais, e levaranse a cabo ata o mes de maio.